20.5.10

Retrospectiva. Fóra de conTEXTO


Podíame quedar co simple,
acurrucarme nunha manta mesta e agarimosa da que nunca me preocupase ver o final.
Podería ficar observando, calma, 
a floración da lavanda lúa tras lúa sen mais música que a da escuma noble deste mar

Decantarme polas augas verdes do río no que xogan os nenos cando comeza morrer o sol
ou simplemente esperar, aquí, buscando combinacións imposibles en todas as letras que nunca, verdadeiramente, 
aspiraron contar ren.

Sí claro, 
podía ser zen e abstraerme de todos vós
inspirar, expirar
podía, claro, podía
se cadra, tamén debería.

Morrer un pouco e vivir mais.

10.5.10

Opus

Para porme escribir  non preciso
máis
que autodisciplinarme na ximnasia de por verbas unha tras doutra
formando significados ceives de significante,
insignificando aquelo que sobra, hipertextualizando o que non se ve
buscar o marco perfecto que se forma entre as tuas mans
albiscar como cuadrar estes circulos rebeldes.


Para deixar(me) escrita requiro,
máis
que muros bravos de pedra rezumando humidade
ou o fume azul de mil verdugos.
Tampouco estou a falar  de rescates extranxeiros
dademe só un latigo, unha fusta
.......algo máis de tempo.