26.2.07

Non me pregunten, que eu xa dixitalicei

"...os cadernos virtuais son o rastro das cousas que lle pasan ás persoas: as súas viaxes, os seus intres de aburrimento no fogar e coa chuvia batendo forte nos cristais, o momento no que coñecen ó seu compañeiro/a e o momento en que se despiden del ou dela..."

Gústame, por simple, sinceira e sen pretensións, a ilustración que unha vez máis fan os rapaces de Código Cero do perverso universo das bitácoras. Esta vez, co gallo de recoller unha iniciativa que non sei se calificar de geek, maligna ou, directamente, estúpida. As "mentes pensantes" de Microsoft veñen de presentar na Scientific American (regodeándose un pouco, a verdade) o MyLifeBits, un intento por crear unha copia dixital de todas as lembranzas que cada un de nós almacenamos ano tras ano; unha gravación virtual da nosa vida.

O experimento personalizouse e ten nome e cara. O investigador inglés Gordon Bell leva os últimos cinco anos gravando as súas conversas telefónicas, as páxinas web que visita, a música que escoita, os emails, libros, revistas e demais "literatura" que lee, fotografías (unhas dous mil ó día) do que ve e mesmo os seus latexos do corazón, as alteracións térmicas e seica olores. De momento leva almacenados 150 Gb que, se o pensan ben, non é moito. Este betxo meu so ten un ano e xa leva 40...

O volume de datos da medo, xa non por cantidade senón por amplitude de aspectos...Di Bell que ve o proxecto coma unha memoria de reposto "en caso de que se me esquezan feitos que aconteceron na miña vida." Se eu chegara á vellez cun alzheimer galopante (madera!) e me topara con semexante base de datos mataríame a dor de non recoñecerme neles. Non sei se Bell so plantexaría dese xeito.
Como polémico ser é un rato, cada un o lexitima como pode. Bell, que é médico di que lle resultará moi útil cando o doutor lle pregunte "E cando comenzou a mostrar estes síntomas?", especialmente en casos cardíacos (claro, de ahí o dos latexos) e os de Microsoft, que poñen a pasta, apelan a Vannevar Bush como visionario do invento, malia que algúns entenderon e explicaron (mellor ca min) o seu proxecto de xeito diferente.

A min lembroume un pouco a esas cápsulas do tempo que deberon estar de moda no mundo anglosaxon ala polos 50,60 (e digo anglosaxón porque, como as taquillas de instituto, eu so as teño visto en pelis), tesouros que un manda ó futuro nun intento, un pouco consciente, un pouco subconsciente, de prolongarse no tempo máis aló do estrictamente recomendable.
Quizais o das blogs sexa un pouco así e por eso en Código fixeron a asociación. Pero a min este exercicio de continuidade gústame e váleme de algo por obrigarme a seleccionar, a profundizar e a traducirme ó resto dos mortais. A memoria dixital de Bell non consegue ningunha das tres.
E ademais, se paso do sitio Blogger mo pecha, así que, de "morrer", non será por isto que a miña memoria perdure no espazo-tempo, por moi virtual que sexa.

A modo de postdata: O artigo insiste na idea de que, se suprimísemos o banal da nosa vida cuns cantos gigas teríamos dabondo para gardar 60 anos de lembrazas (mirade en que pouca cousa quédase o "esencial"). Nótese que o banal opúxose a páxinas web visitadas, cheiros percibidos e cambios de temperatura (iso sí se garda). Lectura do mundo en clave xornalística: o que non se pode ou custa moito contar non se conta, ergo, non existe. Os insomnios brilantes, os delirios febriles, as noite de viño e rosas e demais noumenos son, señores meus, frivolidades...

4 Ti dirás:

ailandra dijo...

Autocomentando...a fraseciña en gabacho da foto foi un vil intento meu por traducir unha tontería do galego o francés valéndome dun traductor de internet. Non me fago responsable do sinsentido ;)

Mario dijo...

Lémbrame un pouco ao argumento da última novela de Houellebecq, aínda que aí a necesidade de escribir un diario persoal ten a función de que o clon que te vai suceder poida adquirir no futuro o único que lle falta para ser ti: a memoria.
Interesantes cuestións todas estas, hai anos que a mística se aliou coa informática e un grupo de frikis defende que a vida eterna é a reprodución continua das nosas existencias nun sistema informático xigantesco aínda en construción (dá calafríos, pero prefíroo ás vellas imaxes da divinidade).

ailandra dijo...

Esa asociación xa a vira pero o post estábase facendo excesivamente longo, grazas por apuntala por min. Ademais, xa houbo quen falou da "Posibilidade dunha illa" polo miúdo.
Hai un capítulo do anime Cowboy Bebop no que tamén se plantexa esa posibilidade...supoño que sí se podería vivir só mentalmente (dixitalmente 101110110) e sen lastre físico pero deberíamos preguntarnos se paga a pena.
Ó máis triste é que os de Microsoft so puxeron pasta porque é unha excelente vía de promoción dun novo sistema de xestión de bases de datos. Que frío,pardiez

A Raíña Vermella dijo...

Vaia, isto lémbrame moito ao meu post sobre "Sistemas Emerxentes". Realmente pagaría a pena existir sen corpo? En calquera caso, a idea da base de datos esquece o básico: o compoñente emocional da memoria, o que che provocan as cousas e non as cousas en si. No momento no que se poida gardar o sentimento indeterminado cara unha persoa, a sensación dunha melodía, estaremos no camiño de reproducir a memoria. Grande post, si señora:)