18.5.07

Adeus

"...nos últimos anos en España ten pasado que o Cine París de Coruña converteuse nun Springfield, o Teatro Losada de Ourense nun Zara, o Cine París de Barcelona nun Zara, o Cine Salamanca de Madrid nun C&A, o Cine Imperial de Madrid nun Sfera (El Corte Inglés), e o Cine Capitolio de Elche, o Teatro Menacho de Badajoz, o Cine Barceló de Barcelona, etc. "

Xavier Estévez
Vía VIEIROS

Xa todos o saben e todos pronunciarónse, así que, humildemente, estou convencida de que non queda nada que eu poida dicir e falo por outros. Eu lémbro moitas vellas pelis que me emocionaron e que non podería ter visto así, en experiencia colectiva, noutro sitio. Para afoga-la miña pena imaxino que o unico que me queda é mercar uns trapiños. Ó carallo.

8.5.07

Breakfast in Swan's Way (usease, prousteemos!)



Fódeme (ups, que feo) voltar o dos memes tan cedo, máis que nada porque entre este e este tan só hai duas miserábeis anotacións e iso non lle senta nada ben o meu ego blogueiro. Pero dín que a ocasión a pintan calva e esta é unha excusa perfecta para actualizar sen darlle demasiado os miolos (encantame respostar preguntas, debería ter sido unha diva ou algo así).
Ademais non podo rexeitar unha invitación deste salón de té, así que tomen asento. Un azucarillo ou dous?

1. O principal rasgo do meu carácter?
A inestabilidade, para ben e para mal.

2. A calidade que prefiro nun home?
O carisma e a confianza (melloras na comunicación interpersoal....)

3. A calidade que prefiro nunha muller?
A lealdade.

*O sentido común é desexable para todos, claro.

4. O que máis aprecio nos meus amigos?
A comprensión e o feito de estaren "curados de espanto".

5. O meu principal defecto?
A inestabilidade...a inconstancia e claro, o egocentrismo.

6. A miña ocupación preferida?
Un té, cigarillos, a miña música e dende alí dúas opcións:
- 1º BD/novela/o meu betxo
- 2º Unha boa conversa.

7. O meu soño de dicha?
Tempo, tranquilidade, saúde e satisfación. Todo a grandes doses con boa comida, boa bebida, boa compaña, moitos gatos e unha vista fermosa pola ventá (esixo pouco, vamos).

8. Cal sería a miña maior desgraza?
Non ser capaz de ser o que sinto que debo ser

9. Que quixera ser?
Cando o sepa xa volo direi...prometo. De momento conformaríame con ser algo que me faga sentirme eu.

10. Onde desexaría vivir?
Compostela, agora mesmo non podo pensar noutro lugar que se acomode máis a min. De todas formas, polo momento tampouco podo pensar en asentarme en ningures....

11. A cor que prefiro?
O negro...sempre e para todo.

12. A flor que prefiro?
As margaridas que crecen en calquer césped. Poñeme de bo humor velas, todas gregarias elas... Custa escoller, o das frores pareceme o máis incríble do mundo.

13. O paxaro que prefiro?
A curuxa (quero unha Hedwig xa!!!)

14. Os meus autores preferidos en prosa?
O meu trinvirato persoal: Hemingway, Dickens, Cortázar.

15. Os meus poetas preferidos?
Pessoa e Lorca. Hai máis pero agora mesmo.... Aceptades Tom Waits? E Leonard Cohen?

16. Os meus heroes de ficción?
John Constantine (sintoo...que esperabades?)

17. As miñas heroínas de ficción?
Medea, por ser tan visceralmente humana. Leia, por selo tan pouco.

18. Os meus compositores preferidos?
Satie, Dvórak,Vinicius, Caetano,Miles Davies,Charlie Parker, Reed, Buckley,Reznor....PJ....e máis,cantos máis!!!

19. Os meus pintores predilectos?
Rubens, Vermeer, Modigliani, Magritte, Mattise e Gauguin (así, a bote pronto)

20. Os meus heroes da vida real?
A miña nai, sen dúbida.

21. As miñas heroínas históricas?
As esposas que viviron as súas vidas a través dos (falsos) éxitos dos seus maridos e das que nunca saberemos nada.

22. Os meus nomes favoritos?
Amal para ela, Alejandro para el (ou Alex, ou Aleixandre, ou Xandre...)

23. Que detesto máis que nada?
A displicencia, o desdén e a hipocresía (especialmente para cun mesmo)

24. Que caracteres históricos desprezo máis?
Os enchidos de poder, en xeral. Por riba de todo os que fixeron bas boas indeas e mellores intencións verdadeiros cataclismos sociais (pensade vós os exempros).

25. Que feito militar admiro máis?
Revolución dos Craveis

26. Que reforma admiro máis?
As que están por chegar.Todo é mellorable.

27. Que dons naturais quixeras ter?
Saber cantar, saber pintar, tocar algún instrumentos...valeríame o dominio sobre calquera das clásicas belas artes....un chisco de xenio creativo, meu deus.

28. Como me gustaría morrer?
Nun orgasmo. Sintoo polo meu acompañante...

30. Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os nados da preguiza ou do hedonismo....son moi benevola, que lle vou facer.

31. O meu lema?
Como un fénix, renace sempre das túas cinzas.

Á próxima taza convidaranos O Señor que Non ten Nada que Decir, O Vilán Cínicamente Friki, a Muller do Carcaj Cheo de Verbas Punzantes, a Androide Quasi Paranoica pero Repleta de Boas Intencións e a Xornalista Teatreira Pero Non Mentireira. There we go!

*Como curiosidade, comentar que, na facultade, o Proust era un exemplo do que NON deberiamos facer nunha entrevista, pola poca información real que aportaba dunha persoa. Así que xa sabedes, non vos creades NADA.


For a long time I used to go to bed early. Sometimes, when I had put out my candle, my eyes would close so quickly that I had not even time to say "I'm going to sleep."
Marcel Proust

3.5.07

Shhhhh! Escoiten, escoiten...


Por algún motivo que eu nunca fun quen de adiviñar, en certas materias da miña facultade facíannos estudar páxinas e páxinas da historia dos medios de comunicación...especialmente da radio, vai ti saber porqué.
Despois de tres semanas de traballo (por fin) xornalístico (explica eso a miña ausencia?) acabeime de convencer de que a meirande parte do estudado alí de pouco o nada me vale na práctica. Máis en concreto, de que entre xornalistas as conversacións nunca son sobre os propios medios, moito menos sobre a súa historia. Pero como a todo hai que sacarlle o lado bó, eu gardo unha grata lembranza das miñas leccións sobre a dramatización radiofónica.

Ninguén me pode culpar por non lembrar os tempos de "Ama Rosa" (prf...) pero paseime a meirande parte das noites da miña infancia escoitando contos de fadas na voz dun radiocasette (os meus pais non eran dos de lerme na cama, que se lle vai facer...). Sempre foi un dos meus praceres segredos e aínda algunhas veces escoito esas cintas e ponseme a carne de galiña (hai cousas que nunca perden a maxia). Cando sendo universitaria atopeime con que existían "contos lidos para adultos" encheuseme o peito de alegría... e tamén de pesadumbre por ter chegado, unha vez máis, tarde.

 Marvin, Paranoid AndroidE como o das casualidades funciona así, o outro día, facendo actos mal vistos no SLSK, deime nos fuciños cos episodios do Hitchhiker's Guide to The Galaxy, unha comedia disparatada que un día se lle ocurriu a un tal Douglas Adams e que voltou tolos a boa cantidade de brits. Unha curiosidade intrahistórica que me descubriron uns curiosos patolóxicos e que ten xerado novelas, película, banda deseñada, serie de televisión, videoxogo e frikismo por doquier.


Claro, se estaba eso por ahí colgado habería máis...en pouco menos dunha semana o meu betxo encheuse de vellos programas de radio para o meu deleite. O último, o CBS Mistery Theater, un intento dos 70 por revivir o estilo dos 30 e 40, historias de terror e misterio escritas por Poe, Dickens ou completos descoñecidos que fuxiron do papel para as ondas.

Gustame o espido destes guións para radio...un traballo que, de ser malo, non hai forma de arreglar por máis cartos que poñas en efectos especiais, e as voces, aterciopeladas e graves, como chegadas dun tempo que xa non é o noso. Abraiame a capacidade dos técnicos de son ( daquelas ninguén lles debía chamar técnicos de nada...) para crear ambentes cos planos (a distancia á que un pon a súa voz do micro, gran cousa), as intensidades do son ou esos deliciosas larpeiradas freaks que son os efectos de son. Unha vez vin simular a explosión dunha nave espacial rompendo kellog's...todo un canto a creatividade. Seica agora podes baixarte todo iso da Internet....

E por riba de todo flípame o que ten de máxico pechar os ollos e que algúen (aínda que sexa unha máquina) te susurre marabillosas historias ó oído mentres vas quedando durmido. Dalgún xeito faime pensar en rapsodas, xugrares e literatura de tradición oral...malia que estexa mecanizado.
Imaxino que tamén hai un pouco de tenrura nesta modesta paixón. Deixando a un lado lembranzas infantís, o dos dramas radiofónicos é un pouco como o da banda deseñada, xoias creativas que non sempre foron ben tratadas polo gran público ou a Crítica (nótense as maiúsculas), seica porque, polo visto, non teñen nada de espectacular. Ben, supoño que é como o de quen prefire a fror do toxo á orquídea (e son moitos , menos mal).

Solicito ós que definen os imaxinarios populares (¿?) que lle retornen o título de Octavo Arte á radio. Hoxe moitos lle dan ese honor ós videoxogos....mmm, poderíamos pasalo para o décimo posto. Despois de todo, a música xa non é o que era e non por eso ninguén lle quitou o título...

*Se quiser ouvir máis....OTRF

Until next time, pleasant...dreams?
CBS Radio Mistery Theater