20.5.10

Retrospectiva. Fóra de conTEXTO


Podíame quedar co simple,
acurrucarme nunha manta mesta e agarimosa da que nunca me preocupase ver o final.
Podería ficar observando, calma, 
a floración da lavanda lúa tras lúa sen mais música que a da escuma noble deste mar

Decantarme polas augas verdes do río no que xogan os nenos cando comeza morrer o sol
ou simplemente esperar, aquí, buscando combinacións imposibles en todas as letras que nunca, verdadeiramente, 
aspiraron contar ren.

Sí claro, 
podía ser zen e abstraerme de todos vós
inspirar, expirar
podía, claro, podía
se cadra, tamén debería.

Morrer un pouco e vivir mais.

10.5.10

Opus

Para porme escribir  non preciso
máis
que autodisciplinarme na ximnasia de por verbas unha tras doutra
formando significados ceives de significante,
insignificando aquelo que sobra, hipertextualizando o que non se ve
buscar o marco perfecto que se forma entre as tuas mans
albiscar como cuadrar estes circulos rebeldes.


Para deixar(me) escrita requiro,
máis
que muros bravos de pedra rezumando humidade
ou o fume azul de mil verdugos.
Tampouco estou a falar  de rescates extranxeiros
dademe só un latigo, unha fusta
.......algo máis de tempo.

19.4.10

Fuxida

Quedei preguntandome se  en Granada, coa chegada da primavera, cada un dos seus veciños comezan a andar a pata coxa, a saltos ou coma os carangexos por mor do veleno asfixiante do millón de frores da azahar das suas laranxeiras. Nunha esquina no extramuros dos Jerónimos, estas árbores medran tan preto unhas das outras que a chuvia das doce en punto filtrase polas súas follas para chegar ao chan convertida en xugo espeso rico en Vitamina C.

As mañás de domingo, o Realejo cheiraba a cera e incienso, lembrándote que por moi impía que unha se declare, os domingos sempre terán mañás de igrexa, onde descansan os mortos. Os domingos as rúas do Realejo cheiran, inevitablemente,  a cerimonia fúnebre.

E no Albaycín, os aromas van dun lado ao outro perdendose nas canellas, e podes ter a sorte de asfixiarte co cheiro de té dulzón, ou perderte entre casas que quixeras túas nas que ainda podes sentir, xogando na punta do nariz, o crepitar dun lume de leña.

Pola noite, en Elvira, respirabas tabaco e humidade, chovera ou non chovese ese día. No paseo dos Tristes descubrías a capacidade de identificar os diferentes matices do arcoiris vibrando no nariz, e reparas que a auga nin é azul nin nada, terra divertida que se perde nela mesma máis rápido do que poidas observar.

Eu en Granada respirei cal, almizcle e nicotina. As imaxes de Granada sublimanse agora en vapores de romero de cigana.

6.4.10

Sempre soñei


Con facerme vella vendo a vida pasar na Quintana.
Volver a Compostela sempre ten algo de rito iniciático. Unha rúa na que perderse  e reatoparse, outro bar no que tomar a última; sempre ten algo de reencontro e de despedida dunha parte dunha mesma.
Sempre me saca un sorriso e un par de bágoas. Que ninguén me diga que non é unha cidade fermosa.

2.4.10

Volta á SCQ


Agardo que funcione como un breve suspiro na base da nuca :)

29.3.10

We can be heroes....


Seica non é estrictamente republicana a historia dos EUA.
Lin en Sandman e comprobei(?) na Wiki a historia de Joshua A. Norton, primer e último gran Emperador dos USA e Protector de México. Norton fixera a sua autoproclama pública nunha Carta ao Director que un Director cachondo aceptou publicar nun xornal de San Francisco, e comezou o seu reinado de bos consellos emitindo moeda propia que a xente aceptou canxear. A Raiña Victoria aceptou tamén as súas cartas de amor.


Polo visto, Norton debeu ser amigo cercano de Mark Twain, que a verdade é un tipo que me cae ben, e semella que foi el quen redactou o epitafio que celebraría a morte de Bummer, un dos cans escolta do Ilmo. Emperador.

Á morte de Norton, outro Director cachondo publicaba  unha necrolóxica en memoria do Emperador dictando que este

"nunca matara a ningúen, non lle roubara  a ninguén nin se apoderara da patria de ninguén. A maioría dos seus colegas non poderían dicir o mesmo"

Corría o ano 1880 e un eclipse de sol puña ese día punto e final a  21 anos de (auto)goberno e reinado.  A súa tumba é hoxe lugar de peregrinación na cidade nas flores no pelo.


Bonito pensar que nada impide a un ser humán SER cando hai vontade firme de tal, e que as realidades  están supeditadas ás percepcións de cada quen e non ao revés.
Eu, as veces, transmútome en Raiña de Saba ^_^

28.3.10

I think it's time to say goodbye


Dame igual que hoxe me arrepinta dos meus dias de terra ocre e paredes encaladas
Que cinco días de estepa destrozaran nervios e esperanzas
que me vexa obligada a renunciar a soños.
Gusano de area, non podes devoralo todo
Nin me retracto das miñas notas
nin dos saltos espiados no teu tellado.
Nesta torre de marfil me quedo
venerando o teu cadaver putrefacto
até que os meu cabelos barran este xélido chan de pedra.

Hei de persistir en nigromante,
conxurandos os demonios da tua lembranza
Á volta,non haberá  máis que unha estatua de cinza azul
reflexo difuso dun tempo de gloria
unha tea altiva, que non volverá alumear máis.
Pero esta torre de marfil, gusano
esta torre de marfil non cae.

Nin Doppelgänger nin Némesis
Hai cousas que só son responsabilidade miña.